Obxectivos do Observatorio
Os obxectivos xerais e definitorios do Observatorio dos Medios son a promoción e defensa, a escala local e global, dun sistema de información que reúna as características de libre, veraz, completo e interactivo, integrado nun sistema de comunicación social axeitado ás necesidades dunha sociedade civil autónoma, en harmonía cun sistema institucional democrático.
Isto tradúcese en tres grandes grupos de actividades e obxectivos concretos:
- Producir información sobre os medios de comunicación:
- Seguemento continuado dos medios: detección e denuncia de distorsións, ocultacións de información, invención de falsas realidades, identificación de nesgos, criterios de selección de contidos, modos de tratar a información, etc.
- Identificación das características permanentes de cada medio, dos nesgos informativos, da orientación ideolóxica, dos intereses defendidos, da temática preferente, etc. Isto con independencia da lexitimidade desas características, de maneira que o obxectivo non é só nin principalmente formular "denuncias", senón facer que o/a receptor/a da información teña coñecemento sobre o sistema que o/a informa e sobre cada unha das súas compoñentes.
- Análise estrutural das causas das características detectadas, tanto directas e internas aos medios, como de orde económica, política, social ou tecnolóxica de carácter xeral.
- Servir de foco de converxencia da sociedade civil, para unha alianza estratéxica entre:
- Os/As profesionais da información responsable, quérese dicir, os/as xornalistas que reclaman o dereito a cumprir honestamente unha función esencial para o sistema democrático e para a existencia dunha sociedade civil autónoma.
- A cidadanía activa, quérese dicir, os/as receptores/as de información considerados/as como cidadáns/cidadás e non como meros/as consumidores/as de información que amosan a súa predisposición a intervir no control da calidade da información que se lles fornece.
- Os/As creadores/as-productores/as do discurso teórico (analítico e programático) sobre o sistema informativo, no ámbito da universidade e da investigación: democratización informativa, mediación cualificada, criterios deontolóxico-profesionais, propostas de carácter xurídico, iniciativas políticas ou sociais, utilización axeitada da tecnoloxía, etc.
- Actuar como voceiro desa alianza, e chegar á opinión pública para:
- Sensibilizala de forma xeral, permanente e crecente sobre a importancia do sistema informativo e da necesidade dunha vixiancia cívica sobre do mesmo.
- Mobilizala cando sexa pertinente, a favor de posibles melloras concretas, corrección de deficiencias, ou de solucións, e rexeitamento de abusos.
Volver