Novas
ESTÁ CENTRADA NAS RELACIÓNS DA COMUNICACIÓN COA XUVENTUDE, AS PERSOAS MAIORES E AS MINORÍAS ÉTNICAS
A revista Comunicación e Cidadanía publica o seu segundo número
[15/01/2009] O Observatorio Galego dos Medios (OM) do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ven de sacar do prelo o segundo número da Revista Comunicación e Cidadanía. Revista Internacional de Xornalismo Social / Social Journalism International Review.
Este número, que corresponde ao ano 2008, está centrado na relación da comunicación coa xuventude, coas persoas maiores e coas minorías étnicas. Así mesmo, por primeira vez, a revista abre un apartado chamado "Varia" para artigos recibidos fóra dos temas centrais propostos.
A revista, con 350 páxinas, inclúe artigos de expertos internacionais no xornalismo social, con algunhas participacións chegadas desde Estados Unidos, Portugal, Arxentina, Bélxica ou Australia. Tamén investigadores galegos e estatais colaboran nesta revista que recolle ponencias escollidas e as conclusións dos foros organizados polo OM, así como outros informes do Observatorio e artigos recibidos de temas diversos. As linguas de publicación na revista son o galego, o portugués, o castelán e o inglés.
Comunicación e Cidadanía quere participar con mirada crítica e ao tempo solidaria no debate sobre a función actual del xornalismo, nun contexto de cambios e transformacións sociais que o interpelan e ameazan. Desvelando os seus condicionamentos e as súas crises através da investigación e a confrontación de ideas entre investigadores e investigadoras académicas, profesionais e colectivos sociais é como esta nova revista vai contribuir a que o xornalismo dea unha visión máis ampla da realidade social que axude á construción dunha sociedade máis inclusiva e participativa.
A revista envíase por correo a principais persoas e institucións que traballan sobre o xornalismo social no mundo, con especial atención ao noso entorno máis cercano. As colexiadas e colexiados do CPXG poden solicitar un exemplar, e tamén poderá descargarse en breve da páxina web do Observatorio Galego dos Medios (observatoriodosmedios.org). O OM chama a investigadores e investigadoras, xornalistas e persoas interesadas no xornalismo social a colaborar enviando artigos para o vindeiro número, que se publicará ao longo deste ano.